Acta Xunta Directiva do 12 de xaneiro de 2017

Imprimir silbibeinavea - 25-Abril-2019 - 16:14:51 

ACTA 01/2017
XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SIL-BIBEI-NAVEA

DATOS DA SESIÓN:

LUGAR: Sede do GDR Sil-Bibei-Navea
DATA: 12 de XANEIRO de 2017
HORA DE INICIO: 18:40 horas
HORA DE FINALIZACIÓN: 19:30 horas
CONVOCATORIA: Segunda
PRESIDENTE: Dª. Melisa Macía Domínguez
SECRETARIO: D. Clemente Pérez Arias

MEMBROS PRESENTES:

• Dª. Melisa Macía Domínguez: Presidenta en funcións para esta sesión. Representante do concello de Vilariño de Conso.
• D. Domingo Diéguez González. (Aporta delegación de D. Francisco José Fernández Blanco: Representante do concello de A Pobra de Trives).
• D. Secundino Fernández Fernández: Representante do concello de Viana do Bolo.
• D. Félix Domínguez Cortiñas: Representante do concello de Manzaneda. (Aporta delegación de D. Luis Castro Álvarez: Representante do concello de San Xoán de Río).
• D. Miguel A. Cid Álvarez: Representante do concello de A Teixeira.
• Dª. Flora Castro González: Representante do colectivo asociacións de empresarios e as asociacions profesionais pola federación de empresarios de Terra de Caldelas (FETECAL).
• D. Clemente Pérez Arias: Representante do colectivo de asociacións do sector cultural, turísticas, deportivas, recreativas, de veciños/as, de artesanía e outras, pola asociación centro cultural San Miguel.
• D. Aquilino Domínguez Díaz: representante do colectivo de asociacións de protección, conservación e/ou mellora do ambiente pola CMVMC Gandaras. (Aporta delegación de Dª. Margarita García Álvarez: Representante do colectivo de asociacións de mulleres pola asociación de mulleres rurais de Santa Cristina).
• D. Manuel Francisco Rodicio Lizán: Representante do colectivo de asociacións do sector cultural, turísticas, deportivas, recreativas, de veciños/as, de artesanía e outras, pola asociación Parada do Sil Club de Fútbol. (Aporta delegación de D. Xosé Antón Vázquez Pérez: Representante do colectivo de asociacións do sector cultural, turísticas, deportivas, recreativas, de veciños/as, de artesanía e outras, pola asociación cultural Ouro do Sil).
• Dª. Ana Sarmiento Pérez: Representante do colectivo asociacións do sector agrario e organizacións profesionais agrarias, por Amarelante Sociedade Cooperativa Galega.
• D. Ruben Fernández Rodríguez: Representante do colectivo asociacións de empresarios e as asociacions profesionais pola asociación de empresarios da Comarca de Trives.
• Dª. Milagros Calvo Carballo: Representante do colectivo de asociacións de mulleres pola asociación de mulleres Anel. (Aporta delegación de Dª. Amelia Estévez Estévez: representante do colectivo de asociacións de mulleres pola asociación de mulleres Algueirada de Manzaneda).

 

 

MEMBROS AUSENTES:


• D. Francisco Magide Bizarro: Representante do concello de Parada de Sil.
• Dª. Sara Inés Vega Núñez: Representante do concello de Castro Caldelas.
• D. Antonio Rodríguez Álvarez representante do concello de Montederramo.
• D. Francisco Rodríguez Rodríguez: Representante do concello de Chandrexa de Queixa.
• Dª. Rosa Domínguez Rodríguez: Representante do colectivo de asociacións do sector cultural, turísticas, deportivas, recreativas, de veciños/as, de artesanía e outras, pola asociación de veciños de San Paio.

Antes de dar comezo ó desenvolvemento da sesión Dª. Melisa Macía Domínguez informa da imposibilidade de asistir á sesión desta Xunta Directiva do Presidente. D. Francisco Magide Bizarro por un problema familiar e, aclara que segundo o artigo 19 dos estatutos da asociación para o desenvolvemento Sil-Bibei-Navea "O vicepresidente/a en ausencia do presidente/a, exercerá as funcións e atribucións encomendadas a este/a".
Así e, seguindo o estipulado en dito artigo correspóndelle á Vicepresidenta, exercer as funcións de Presidenta para esta sesión.

Por outro lado, a Presidenta en funcións informa que, ante a ausencia do Secretario da asociación, D. Francisco José Fernández Blanco, hai que nomear un membro deste órgano colexiado para que actúe como tal nesta sesión que se vai a celebrar. Proponse a D. Clemente Pérez Arias o que acepta dita función nesta reunión.

Vistas as delegacións presentadas por cinco membros da citada Xunta Directiva, acéptanse ditas delegacións e, previa comprobación pola Presidenta en funcións do número de asistentes necesarios para a válida celebración da Xunta Directiva, ésta declara aberta a sesión.


ORDE DO DÍA:

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
2. Informe sobre o procedemento de selección do Equipo Técnico.
3. Comunicación do Acordo do Consello de Dirección de Agader do 16 de novembro de 2016 polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de Desenvolvemento local e de grupos de Desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia, así como sobre a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.
4. Firma do Convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e o Grupo de Desenvolvemento Rural "Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea", para a aplicación dunha estratexia de Desenvolvemento local na medida Leader de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.
5. Proposta e aprobación, se procede, da previsión de gastos de funcionamento correspondente á anualidade 2017, para a súa posterior autorización por parte de Agader.
6. Proposta e aprobación, se procede, da modificación do importe máximo de axuda estipulado no baremo, para os proxectos de natureza non produtiva.
7. Medidas a adoptar para a posta en marcha do programa.
8. Estado de situación das cotas da Asociación.
9. Informe Presidencia.
10. Rogos e preguntas.

DESENVOLVEMENTO DA SESIÓN:

1. LECTURA E APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA ACTA DA SESIÓN ANTERIOR.

A Presidenta en funcións informa que como se acordara na sesión da Asemblea Xeral extraordinaria celebrada o pasado 04 de abril de 2016, remitiuse a todos os membros da Xunta Directiva a acta da sesión anterior, celebrada o 18 de outubro de 2016.

A Presidenta en funcións pregunta ós asistentes se desexan realizar alguna obxeción á acta da sesión ordinaria celebrada o 18 de outubro de 2016.

Solicita o turno de palabra Dª. Milagros Calvo Carballo para facer unhas aclaracións e puntualizacións a dita acta; en primeiro lugar no punto 2º - Aprobación, se procede, do procedemento de selección do Equipo xestor para a execución do Programa Leader 2014-2020, no que respeta á comisión de avaliación, aclara que a ela non lle parecia adecuado que a Xunta Directiva ou membros da mesma foran o órgano seleccionador e, que se producira unha votación sobre dita comisión, a cal non aparece reflexada na acta e non foi unánime, ainda que saliu aprobada dita comisión.

En segundo lugar, nese mesmo punto da orde do día no referido á fase 3ª- concurso de méritos, no apartado "Experiencia acreditada como persoal Técnico no programa LEADER Galicia 2007-2013 no territorio de actuación da asociación para o desenvolvemento rural Sil-Bibei-Navea", cambiar os 4 puntos por 5 e no apartado "Experiencia acreditada no desempeño do posto de Xerente en relación coa xestión de programas de desenvolvemento local participativo como LEADER ou de filosofía similar a LEADER, como por exemplo os programas PRODER, AGADER ou os desenvolvidos a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)" redúcese de 15 puntos a 14. A dita proposta súmanse varios integrantes da Xunta Directiva.
Dª. Milagros Calvo Carballo aclara que, non se especifica quen realiza dita proposta e, foi ela xa que lle parecía fundamental que se primara a experiencia do Equipo Técnico dado os resultados adquiridos no período anterior e, na realización da estratexia.
Tras ditas aclaracións á acta do 18 de outubro de 2016, procédese á votación da mesma có seguinte resultado:

APRÓBASE POR CATORCE VOTOS A FAVOR, O DE Dª. MILAGROS CALVO CARBALLO, CONDICIONADO Á QUE SE FAGAN AS SALVIDADES SINALADAS CON ANTERIORIDADE E, DÚAS ABSTENCIÓNS DE D. RUBÉN FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ E D. DOMINGO DIÉGUEZ GONZÁLEZ.

2. INFORME SOBRE O PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN DO EQUIPO TÉCNICO.
A Presidenta en funcións procede a analizar a acta da comisión de avaliación do proceso de selección dos postos de Xerente e Técnico, seguindo as bases aprobadas na Xunta Directiva do 18 de outubro de 2016 por este órgano colexiado e, realizadas como se regulaba na instrución nº 1/2016, do 26 de agosto remitidas por parte de Agader.

Cede o turno de palabra ós asistentes por se queren realizar algunha obxeción e, intervén Dª. Milagros Calvo Carballo para opinar que a fase máis subxectiva deste proceso como é a da entrevista, fase que poderia ser decisiva, senón fora o caso do Equipo Técnico contratado que, na fase da proba escrita e na fase de méritos marcaron moito a diferenza.

A Xunta Directiva dase por enterada de todo o proceso do procedemento de selección do Equipo Técnico.

3. COMUNICACIÓN DO ACORDO DO CONSELLO DE DIRECCIÓN DE AGADER DO 16 DE NOVEMBRO DE 2016 POLO QUE SE RESOLVE A CONVOCATORIA SOBRE A SELECCIÓN DE ESTRATEXIAS DE DESENVOLVEMENTO LOCAL E DE GRUPOS DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMO ENTIDADES COLABORADORAS NA XESTIÓN DA MEDIDA LEADER DE GALICIA, ASÍ COMO SOBRE A CONCESIÓN DA AXUDA PREPARATORIA, COFINANCIADA CO FONDO AGRÍCOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER), NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014-2020.

A Presidenta en funcións, informa que con data do 30 de novembro de 2016 recibiuse a comunicación do acordo do Consello da Dirección de Agader, polo que se resolvía a convocatoria da selección de estratexias, resolución remitida por correo electrónico a todos os membros da Xunta Directiva coa convocatoria desta reunión.
A asociación para o desenvolvemento rural Sil-Bibei-Navea (GDR08), foille asignado un reparto inicial de fondos por importe de 4.530.910,90 €, o que supón que somos o 2º grupo de Galicia que mais fondos ten neste reparto inicial.
No seguinte documento que se axunta no dossier aparecen as puntuacións acadadas por cada un dos grupos; o GDR08 acadou unha puntuación total de 153,92 resultante do análise de datos do territorio de actuación e por outro lado, a análise da estratexia de desenvolvemento local participativa presentada.
A Presidenta en funcións, informa que o importe correspondente á axuda preparatoria (13.300€) xa está ingresada por parte de Agader, xa que se xustificou a finais de ano.

A Xunta Directiva dase por enterada da información tratada en este punto da orde do día.

4. FIRMA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (AGADER) E O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL "ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SIL-BIBEI-NAVEA", PARA A APLICACIÓN DUNHA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL NA MEDIDA LEADER DE GALICIA, COFINANCIADO CO FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (FEADER) NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014-2020.

A Presidenta en funcións, informa que a sinatura do convenio tivo lugar en Santiago de Compostela o 13 de decembro de 2016, acto ó que acudiu o Presidente.
A Xerente intervén, para aclarar que o pasado día 09 de xaneiro o Equipo Técnico, acudiu a unha reunión con Agader, na que se nos comunicou que os convênios ían remitilos por correo ordinario esta semana.
O GDR08 segundo e como se estipula na cláusula décima deste convenio - Dotación financeira para a submedida 19.4 : "custes correntes e animación e promoción territorial", conta dende o ano 2017 ata o ano 2020, cun importe de 257.505,97 € por ano.

Por outra banda, remitiuse ós grupos o borrador da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2017 e 2018, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

No anexo II de dito documento como se axunta no dossier, o GDR08 para a submedida 19.2 de Leader (apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local) conta para o ano 2017 cun importe de 563.337,58 € e, para a anualidade 2018, 420.721,75 €. As dúas anualidades sinaladas suman un total de 984.059,33 €.

A Xunta Directiva dase por enterada da información tratada en este punto da orde do día.

5. PROPOSTA E APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA PREVISIÓN DE GASTOS DE FUNCIONAMENTO CORRESPONDENTE Á ANUALIDADE 2017, PARA A SÚA POSTERIOR AUTORIZACIÓN POR PARTE DE AGADER.

A Presidenta en funcións, informa ós asistentes que este órgano colexiado debe aprobar a previsión de orzamento para a submedida 19.4A "custes correntes" e para a submedida 19.4B "animación e promoción territorial".

O GDR08 conta cun importe de 257.505,97 €, cada ano e, realizouse unha previsón desagregada para os gastos da submedida 19.4A do ano 2017, por un importe total de 119.000,00€.

Intervén neste punto quinto a Xerente do grupo, para aclarar que este importe xunto cos gastos de animación e promoción territorial, supoñen o 24,67% do importe co que conta o GDR para a anualidade 2017 na submedida 19.2 "apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local" que tal e como se informou no punto anterior é de 563.337,58 €.

A Presidenta en funcións cede a palabra por se alguén quere facer algunha obxeción ou aclaración a esta previsión. Ninguén solicita o turno de palabra, polo que se procede a súa votación có seguinte resultado:

APROBASE POR UNANIMIDADE A PREVISIÓN DA SUBMEDIDA 19.4A DE "CUSTES CORRENTES" PARA A ANUALIDADE 2017 POR IMPORTE DE 119.000,00 € PARA A SÚA POSTERIOR AUTORIZACIÓN POR PARTE DE AGADER.

Seguidamente neste mesmo punto da orde do día, a Presidenta en funcións procede a analizar a previsión das actuacións a realizar na submedida 19.4B "Animación e promoción territorial" na anualidade 2017.
Tal e como se presenta en dossier axunto, aportase unha memoria coas actuacións que se pretenden realizar nesta submedida 19.4B có obxectivo de dar a coñecer o Programa Leader Galicia 2014-2020 no territorio de actuación do GDR08; as actuacións informativas e divulgativas que se prevén realizar, son as seguintes: actualizar a páxina web da asociación, elaborar o manual de procedemento do GDR08 que, recolla integramente o procedemento exacto de tramitación das axudas Leader, editar un folleto informativo de lanzamento sinxelo e de fácil manexo e, un proxecto no que se leve a cabo un intercambio de experiencias.

Dita previsión de gasto para o ano 2017 para a submedida 19.4B é de 20.000€.

APROBASE POR UNANIMIDADE A PREVISIÓN DA SUBMEDIDA 19.4B DE "ANIMACIÓN E PROMOCIÓN TERRITORIAL" PARA A NUALIDADE 2017 POR IMPORTE DE 20.000 €.

6. PROPOSTA E APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA MODIFICACIÓN DO IMPORTE MÁXIMO DE AXUDA ESTIPULADO NO BAREMO, PARA OS PROXECTOS DE NATUREZA NON PRODUTIVA.

A Presidenta en funcións informa que na estratexia de desenvolvemento local participativo presentada, o importe máximo de axuda para proxectos non produtivos era de 100.000 € e, informa que no acordo do Consello de Dirección de Agader do 16 de novembro de 2016, se nos notifica unha asignación inicial de fondos de 4.530.910,90 €, polo que se propón modificar o importe máximo de axuda para proxectos non produtivos, o cal ascenderia a 200.000€.

Aclara que, este sería o momento adecuado para proceder a dita modificación.

Procédese a súa votación có seguinte resultado:

APRÓBASE POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DO IMPORTE MÁXIMO DE AXUDA PARA PROXECTOS DE NATUREZA NON PRODUTIVA, PASANDO DE 100.000 € A 200.000 €.

7. MEDIDAS A ADOPTAR PARA A POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA.

En primeiro lugar, a Presidenta en funcións informa que se solicitaron presupostos a distintas asesorías do territorio das que se tiña coñecemento, para que se leve a cabo as tarefas de asistencia á xestión, das cales se recibiron tres; Cid Armenteros Asesores S.C, Viana Gestión e, Ingaster S.L.

Sendo as 19:20 horas, abandona a sesión neste punto séptimo da orde do día, Dª. Milagros Calvo Carballo e, informa que a causa é por ter vinculación cun dos socios de Cid Armenteros Asesores S.C.

A Presidenta en funcións, procede a ler ditos presupostos, sendo a oferta máis económica a de Cid Armenteros Asesores S.C.

Procédese a súa votación có seguinte resultado:

APRÓBASE POR UNANIMIDADE SELECCIONAR A CID ARMENTEROS ASESORES S.C, PARA AS TAREFAS DE ASISTENCIA Á XESTIÓN SOLICITADAS POLA ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SIL-BIBEI-NAVEA.

Incorpórase á sesión Dª. Milagros Calvo Carballo a cal, se lle informa do resultado da votación.

8. ESTADO DE SITUACIÓN DAS COTAS DA ASOCIACIÓN.

Neste punto oitavo da orde do día, a Presidenta en funcións pasa a analizar o estado das cotas da asociación seguindo o dossier axunto e, expón ós asistentes que segundo se estipula nos Estatutos da Asociación no seu artigo 10.- entre as obrigas dos asociados recóllese a de "Satisfacer a cota de entrada e de mantemento".
É polo que, segundo acordo da Asemblea Xeral do 04 de abril de 2016, "que as cotas anuais sexan ingresadas no primeiro semestre de cada ano".
Así insta ós asistentes que as cotas se fagan efectivas seguindo o aprobado en dito acordo sinalado anteriormente.

A Xunta Directiva dase por enterada da información tratada en este punto da orde do día.

9. INFORME PRESIDENCIA.

A Presidenta en funcións informa que, se están solicitando as condicións para formalizar unha póliza de crédito a distintas entidades financeiras e, ata o momento dispoñemos das que se nos facilitaron por parte de Abanca e, Sabadell Gallego.
Intervén neste punto a Xerente, para aclarar que na reunión que tivo lugar o pasado 09 de xaneiro de Agader e os Equipos Técnicos, informóusenos de que Agader ía a firmar uns convenios con distintas entidades financeiras.
A Presidenta en funcións aclara que se van a estudar para proceder á firma da póliza bancaria xa que a que temos en vigor remata en abril.

A XUNTA DIRECTIVA APROBA POR UNANIMIDADE QUE DITO ESTUDO DAS CONDICIÓNS PARA A FORMALIZACIÓN DA OPERACIÓN DA PÓLIZA DE CRÉDITO SEXA REALIZADO POLO PRESIDENTE E, A TESOUREIRA DA ASOCIACIÓN.

Neste mesmo punto noveno da orde do día, a Presidenta en funcións cede o turno de palabra á Tesoureira da Asociación Dª. Flora Castro González, a cal, informa que a sede precisa da instalación dun sistema de calefacción xa que o existente non cubre as necesidades para que o Equipo Técnico poida traballar nunhas condicións adecuadas.

Expón que se está a estudar cal sería o sistema máis adecuado dado as condicións das dependencias; os radiadores eléctricos dispararían moito o consumo de luz e, estase mirando unha instalación de aerotermia a cal, disminuiría tamén a humidade do local.

A XUNTA DIRECTIVA APROBA POR UNANIMIDADE QUE DITO ESTUDO DO SISTEMA DE CALEFACCIÓN E, A SÚA ELECCIÓN SEXA REALIZADO POLO PRESIDENTE E, A TESOUREIRA DA ASOCIACIÓN.

10. ROGOS E PREGUNTAS.

Cede o turno de palabra ós asistentes, por se alguén quere facer algunha aclaración ou suxerencia;

A Xunta Directiva deséxalle unha pronta recuperación ó familiar do Presidente D. Francisco Magide Bizarro.

E, non habendo máis asuntos a tratar, levántase a sesión no lugar, data e hora que se sinala no encabezamento desta acta que, se extende co obxecto de recoller o tratado e acordado pola Xunta Directiva e, que o señor Presidente firma conmigo o Secretario que dou fe.


O Secretario A Presidenta en funcións

 

Asdo: D. Clemente Pérez Arias Asdo: Dª. Melisa Macía Domínguez


 
A Asociación Sil-Bibei-Navea, ten como ámbito de actuación os concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, na provincia de Ourense.
  • A Teixeira
  • A Pobra de Trives
  • Castro Caldelas
  • Chandrexa de Queixa
  • Manzaneda
  • Montederramo
  • Parada de Sil
  • Viana do Bolo
  • Vilariño de Conso
  • San Xoán de Río
VisualQ
Política de Cookies

Esta web utiliza cookies para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Si continúas navegando consideramos que aceptas su uso. Más información X Cerrar